10/06/2026
Din que Compostela coa choiva é arte, e seguramente teñan razón.
Pero hai algo nos días de sol radiante que tamén me fascina. A pedra quenta, a luz rebota nas fachadas e toda a cidade parece transmitir unha enerxía distinta.
Esta tarde paseei amodo, cámara na man (ou mellor dito, dúas para ser exactos), facendo o que máis me gusta: observar. A xente ao seu aire, allea á cámara, vivindo os seus propios momentos. Conversas, silencios, esperas, encontros… pequenos fragmentos de vida que aparecen e desaparecen en cuestión de segundos.
A fotografía de rúa ten algo especial. Permíteche mirar doutro xeito, sen intervir, sen dirixir nada, simplemente estando atento ao que acontece diante de ti.
E Compostela, chova ou faga sol, nunca deixa de regalar historias.
Por certo, que temazos os de Eladio e os Seres Queridos para acompañar o paseo.